Monday 29 de April de 2024

A Xunta leva executados prácticamente a totalidade dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento do 2015


A dotación orzamentaria para este ano é de 4,1 millóns de euros e, ata o momento, o grao de execución do mesmo é dun 96 por cento

A Xunta de Galicia leva executado a práctica totalidade do orzamento do programa ‘Cooperación Exterior’, que esta xestionado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Vicepresidencia e ten por obxecto facer cumprir as actuacións previstas dentro do Plan Anual 2015 da Cooperación Galega.

Neste Plan Anual, que se enmarca no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, recóllense os compromisos, os medios de actuación e os recursos orzamentarios do goberno Galego para este ano en materia de cooperación para o desenvolvemento, de acordo coas orientacións establecidas no devandito Plan Director. A dotación orzamentaria para este ano é de 4.143.715 euros, dos cales xa está executado o noventa e seis por cento.

É de destacar que o 75 por cento deste orzamento foi destinado a convocatorias públicas de axudas. Neste sentido, no marco das axudas para proxectos e microproxectos no exterior de ONGD e doutros axentes de cooperación estanse a financiar 23 proxectos. A estes se lle suman 5 proxectos máis de Acción Humanitaria e outros 15 de Educación para o Desenvolvemento e Consolidación e Fortalecemento de ONGD no período 2015- 2016.

Así mesmo, tendo en conta que xa no pasado ano foron aprobadas axudas para numerosos proxectos plurianuais, actualmente estase a dar cobertura ao compromiso financeiro que corresponde coa anualidade 2015 doutros 23 proxectos. Cinco deles aprobáronse ao amparo da convocatoria de Investigación para o Desenvolvemento das Universidades galegas e dezaoito da convocatoria de Educación e o Desenvolvemento e de Consolidación e fortalecemento de ONGD. O importe conxunto destas axudas supera os 350.000 euros.

Formación de expertos
Tal e como se fixo o ano pasado, no 2015 tamén se apoiou a formación de expertos en cooperación para o desenvolvemento coa convocatoria de oito bolsas de formación, de doce meses de duración, que contan cun orzamento de 133.700 euros para os anos 2015-2016.

Na resolución adxudicáronse dúas bolsas para a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE; cinco para as Oficinas Técnicas de Cooperación de Perú, Ecuador, Nicaragua, República Dominicana e Mozambique; e unha última para a sede da FAO En Guatemala.

Convenios de cooperación e acción humanitaria
Doutra banda, a data de hoxe tense asinado nove convenios de colaboración, sete deles recollidos nominativamente no Plan Anual de Cooperación Galega 2015. Entre eses convenios destacan o asinado con ACNUR para mellorar o acceso á auga dos refuxiados sudaneses no leste do Chad; e coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA), destinado ao aprovisionamento de alimentos da poboación refuxiada palestina -ambos de 20.000 euros-; así como o da Coordinadora Galega de ONGD, á que se lle achega 90.000 euros para fortalecemento da institución.

A súa vez, asinouse un convenio de 120.000 euros con CETMAR, para reforzar a acuicultura rural e a investigación pesqueira en Mozambique; e outro coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, AECID, de 150.000 euros nos próximos tres anos. O último convenio foi coa ONGD Farmamundi e serviu para atender as necesidades das poboacións afectadas por catástrofes en países como Kenya, Siria, Nepal ou o Congo. A axuda a Farmamundi ascende a 50.000 euros.

Ademais destes sete convenios, asináronse dous máis non recollidos no devandito Plan. O primeiro rubricouse coa Fundación Humanitaria dos Rotarios Españois para a mellora do abastecemento de auga nunha zona rural de Perú e o segundo coa rama galega da Fundación UNICEF para atender as necesidades básicas da poboación afectada polo terremoto que asolou Nepal. Ambos convenios contan cunha dotación próxima aos 125.000 conxuntamente.

Por último, cabe destacar que na actualidade estanse a financiar dous convenios plurianuais asinados no pasado ano co CETMAR e con Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESCO e Mundo Cooperante Galicia. Ao mesmo tempo, atópanse en tramitación tres convenios previstos no Plan Anual 2015 para a súa próxima execución: un coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, outro co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o último con tres ONGD galegas para a execución do ‘Plan Proxecta’.